O oído absoluto (OA) é a habilidade que teñen algunhas persoas para percibir ou producir un ton musical concreto sen ningunha referencia a un estándar externo. Enténdese que existen polo menos dúas habilidades cognitivas importantes relacionadas co oído absoluto: a memoria auditiva e a habilidade para asignar tons ao estímulo auditivo, habilidade que só teñen algunhas persoas. As primeiras estimacións establecían en 1 de cada 10.000 as persoas que posuían oído absoluto, aínda que estas estimacións rebaixáronse significativamente a 1 de cada 1.500.
Existen varios estudos publicados en revistas de alto índice de impacto que apuntan á existencia dunha base xenética no OA; ver por exemplo, o estudo de segregación realizado por Profita and Bidder (Perfect pitch. Am J Med Genet 1988, 29(4):763-771), o estudo de portadores de Baharloo et al. (Absolute pitch: an approach for identification of genetic and nongenetic components. Am J Hum Genet 1998, 62(2):224-231), ou o estudo de Drayna et al. (Genetic correlates of musical pitch recognition in humans. Science 2001, 291(5510):1969-1972) realizado en xemelgos mono e dicigóticos en relación coas súas capacidades para detectar notas discordantes en melodías populares.
Finalmente, o OA ten unha maior prevalencia en pacientes afectados polo chamado síndrome de Williams (Martinez-Castilla et al: Do individuals with Williams syndrome possess absolute pitch? Child Neuropsychol 2013, 19(1):78-96) e desordes do espectro autista (Yu et al: Pitch Processing in Tonal-Language-Speaking Children with Autism: An Event-Related Potential Study. J Autism Dev Disord 2015, 45(11):3656-3667; Heaton P: Pitch memory, labelling and disembedding in autism. J Child Psychol Psychiatry 2003, 44(4):543-551) (DEA), con prevalencias altísimas de ata o 30%. Sábese tamén que o OA está dalgunha maneira relacionado coa sinestesia. En neurofisioloxía, enténdese a sinestesia como a asimilación conxunta de varios tipos de sensacións de diferentes sentidos dun mesmo acto perceptivo. En relación á música, unha persoa con sinestesia ten a capacidade de sentir (non simplemente asociar) notas e tonalidades con diferentes cores (“oír cores”).