Trastorno de espectro autista (TEA)

Os pacientes con TEA sofren un trastorno neurolóxico do desenvolvemento; estes pacientes manifestan dificultades para comunicar, repetición de frases (ecolalias) e movementos repetitivos (estereotipias). Non todos os pacientes manifestan a mesma clínica do mesmo xeito, de aí que se fale de espectro autista e non de autismo.

Moitas persoas que sofren TEA teñen unha especial sensibilidade para a música e unha capacidade para distinguir un maior rango de tons que a poboación sen TEA (Remington A, Fairnie J: A sound advantage: Increased auditory capacity in autism. Cognition 2017, 166:459-465). Os pacientes con TEA teñen en xeral experiencias sensoriais diferentes, ocupando a percepción musical un lugar destacado entre as súas múltiples habilidades (Heaton P: Assessing musical skills in autistic children who are not savants. Philosophical transactions of the Royal Society of London Series B, Biological Sciences 2009, 364(1522):1443-1447.).

A maioría dos pacientes teñen unha gran memoria melódica, o que lles permite lembrar melodías enteiras con gran facilidade. O oído absoluto adoita ser máis habitual nos pacientes con TEA. Estas habilidades subxacen a unha maior capacidade de percepción, o que significa que os pacientes con TEA poden procesar moita máis información dunha soa vez (Remington A, Fairnie J: A sound advantage: Increased auditory capacity in autism. Cognition 2017, 166:459-465).