Contamos con máis de 2500 mostras conservadas a -80ºC, resultado do esforzo da mostraxe realizada durante as edicións dos concertos experimentais de Sensoxenoma22 e os proxectos de investigación como EUTERPE_adn. Estas mostras representan á poboación xeral (sa) e a poboacións con condicións biolóxicas específicas, tales como Alzheimer e outras demencias, enfermidades neurodexenerativas, trastorno do espectro autista (TEA), dano cerebral, síndrome de Down, discapacidade auditiva e visual, etc.
As mostras biolóxicas recóllense inmediatamente antes e despois do estímulo musical, etiquétanse convenientemente e de maneira pseudonimizada. As mostras almacénanse en xeo seco despois da recollida e trasládanse aos conxeladores de -80ºC nun tempo non superior a 12 horas. Unha vez almacenadas a esa temperatura, as mostras poden preservarse durante décadas ata o seu procesamento. Nos nosos laboratorios do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) temos capacidade de almacenamento para miles de mostras en conxeladores de -80ºC. Actualmente, temos almacenadas e procesadas mostras de saliva (recollidas cun hisopo bucal en kits Oragene) e mostras de sangue capilar.
Para todas estas mostras, contamos con meta-datos dos doantes que nos permiten realizar estudos xenómicos utilizando datos de interese, tales como sexo, idade, formación musical, etc. Todos os datos tabúlanse nun sistema informatizado que facilita o uso das variables de estudo xunto cos datos de secuenciación.