Unha nova disciplina da ciencia xenómica que busca investigar como os estímulos sensoriais repercuten no noso ADN, buscando as bases moleculares que subxacen á activación da nosa información xenética (ADN).
Actualmente, o primeiro paso da investigación céntrase na música e a expresión dos xenes na poboación xeral e distintos contextos da patoloxía humana coma o cancro, Alzheimer, trastorno do espectro autista (TEA), daño cerebral, etc. Posteriormente estudaremos características (fenotipos) relacionadas coa música e sobre as que xa existen xenes candidatos de susceptibilidade (oído absoluto, etc). Foi reportado que algúns destos fenotipos están relacionados con patoloxías concretas, tales coma o TEA, Síndrome de Williams, etc.
Existe un interese crecente na comunidade científica internacional polas terapias non farmacolóxicas, e muestra disto é a aposta da Unión Europea por estas líñas de investigación a través de convocatorias tipo EraPerMed (a través das súas Join Translational Calls: “Prevention in personalized medicine”) ou EU Joint Programme – Neurodegenerative Disease Research (JPND: Understanding the mechanisms of non- pharmacological interventions).
A través da investigación da sensoxenómica intentamos entender se existe un verdadeiro potencial da música como forma de terapia, en liña coas novas tendencias biomédicas cara a medicina personalizada.
Imaxinemos un futuro no que se puidera concibir a música como un estímulo capaz de actuar de forma específica na expresión do xenoma (ADN), espertando así o seu potencial biolóxico no tratamento de enfermidades.
Sensoxenómica busca por primeira vez afondar nas bases xenéticas que existen detrás do estímulo musical e entender os mecanismos biolóxicos que subxacen a este estímulo e a nosa relación biolóxica coa música.
As habilidades musicais, o procesamento neurofisiolóxico da música, e moitas patoloxías e condicións comúns (como as enfermidades neurodexenerativas e o trastorno do espectro autista) teñen un trasfondo xenético multifactorial e polixénico (involucran moitos xenes). As bases xenéticas que subxacen a estas habilidades musicais, así como a sensibilidade diferencial e individual aos estímulos externos, só poderán ser reveladas a través de estudos combinados de base xenómica.
Isto inclúe o cribado de variantes xenéticas comúns nas poboacións, a análise de secuenciación xenómica para a detección de variantes raras, a análise da expresión xénica, o estudo da súa regulación a través da epixenómica e dos produtos directos da expresión (proteoma), así como a análise de elementos moleculares que interaccionan de maneira directa ou indirecta en todos estes procesos e que poderían representar biomarcadores de interese (por exemplo, metaxenómica/microbiota).
Tendo en conta a rápida evolución das tecnoloxías nos últimos anos, así como a posibilidade de aplicalas nesta disciplina, a SENSOXENÓMICA, é interesante incorporar novas perspectivas para aproximarnos ao estudo do impacto molecular da música dende outras ciencias ‘ómicas’ como a proteómica, a metaxenómica e a epixenómica. O estudo sensoxenómico de mostras biolóxicas diversas, como o sangue, a saliva ou as bágoas, conectará ademais co interese crecente que existe na comunidade científica polo descubrimento de biomarcadores de interese para as enfermidades e condicións complexas como as neurodexenerativas.
© 2024 Creado Por 7 Clicks Para Sensogenomics. Todos Os Dereitos Reservados.